O lirio de Ribeira xa ten marca propia

RIBEIRA> O lirio é actualmente a principal especie que captura a flota asociada á Cooperativa Galega do Mar Santa Eugenia, representando o 45 % do volume total da súa produción.

Aínda así, a súa importancia é relativa, xa que a efectos de facturación tan só representa o 35 % do valor das vendas, pois o seu prezo medio en lonxa soe situarse nun euro o quilo.

O feito de acadar agora a marca colectiva ‘Lirio de Ribeira’, a través da Oficina Española de Patentes e Marcas, permitiralle á Cooperativa poder certificar a calidade das súas capturas, recollidas ó día, mediante artes de arrastre tradicional e selectivas.

Dende a entidade facilitarase a tódolos seus socios autorizados para o uso da Marca, etiquetas numeradas correlativamente para identificar as capturas desta especie que cumpran co regulamento de uso.

Ó longo deste ano a entidade tamén levou a cabo varias actividades promocionais con esta especie para revalorizala. Accións todas elas que  agora, unha vez presentada xa a marca, pretende repetir para darlle o protagonismo que realmente se merece.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí