POIO> O concello de Poio estrea iniciativa para mellorar as oportunidades laborais de vinte veciños, empresas e emprendedores do municipio. Trátase de “Senda 2016”, un proxecto que busca o traballo conxunto destes axentes, guiado por expertos na materia, para innovar na aprendizaxe e achegar novos xeitos de facer.
Durante dous meses, empresas, emprendedores e desempregados de Poio poderán achegarse a novos modelos e xeitos de facer, ademais de mellorar a súa empregabilidade.
Trátase de “Senda 2016”, o programa que impulsa a concellería de Promoción Económica. No seu marco, con sesións de traballo grupal e de asesoramento individualizado os participantes contarán co apoio de dúas profesionais que os orientarán na posta en común dos seus coñecementos e na creación de sinerxias.
Para os desempregados, potenciaranse competencias como o optimismo, a capacidade de traballo en equipo ou a intelixencia emocional. Para empresas e emprendedores, as iniciativas dirixiranse a modernizar os seus modelos de traballo e negocio, como a aposta pola participación en ecosistemas de colaboración.
O programa dispón de 20 prazas, e os interesados poden inscribirse no concello de Poio, na súa web, vía telefónica na concellería de promoción económica ou no mail promocioneconomica@concellopoio.org.
{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/15/proxecto_senda_poio.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/15/proxecto_senda_poio.mp4{/flowplayer}