Pontevedra impuxo 16 denuncias no 2026 por ‘casos flagrantes’ de non separación de residuos

PONTEVEDRA> Pontevedra impuxo 16 denuncias no que levamos de 2026 pola non separación de residuos. Son as primeiras que se rexistran na cidade por este incumprimento. Dende o goberno local explican que se dirixiron aos casos máis flagrantes. De feito, considéranse graves polo que a multa económica que levan aparellada oscila entre os 751 e os 1.500 euros. En canto aos sancionados, hai dende restaurantes e empresas de construción a centros médicos e veterinarios, e mesmo un particular.

A Policía Local de Pontevedra intensifica a vixilancia sobre as prácticas de xestión de residuos. Entre o 1 de xaneiro e o 22 de abril tramitáronse 16 denuncias. Todas dirixidas a sancionar incumprimentos flagrantes.

A maioría destas denuncias están consideradas como graves, polo que os seus autores enfróntanse a multas económicas de entre 751 e 1.500 euros. Hoxe Mosquera puxo varios exemplos das actitudes sancionadas.

Entre os sectores afectados hai restaurantes, centros médicos e hospitais, clínicas veterinarias, empresas de construción, un bazar ou un particular que deixou varias bolsas no chan ao carón dos colectores, negándose a recollelas.

Ao tempo, o concello iniciou unha importante asistencia técnica centrada na información bidireccional cos grandes produtores de residuos da cidade. Esta iniciativa ten un obxectivo anual de entre 800 e 1.000 inspeccións e xa realizou con éxito máis de 70 visitas. A intención é recabar datos concretos e asesorar aos responsables sobre a xestión dos seus residuos.