Boiro convértese en sede nacional do Duatlón

    BOIRO> Todo preparado en Boiro para acoller esta fin de semana o Campionato de España de Duatlón por Equipos. Na proba daranse cita máis de mil atletas chegados dende diferentes clubs de todo o ámbito nacional. Á competición federada, sumaráselle tamén un duatlón popular que estará aberto a tódolos afeccionados. Boiro pode presumir de ser sede do primeiro campionato de España de Duatlón por Clubes. Esta proba, que constitúe ademais a primeira xornada da liga nacional, atraerá ata o municipio barbanzán ós equipos máis destacados en primeira e segunda división. Entre eles, corenta e tres galegos entre os que destacan numerosos atletas da comarca. Durante a xornada do sábado desputarase a competición de promoción para o ascenso a segunda. O domingo terá lugar o campionato en primeira e segunda división coa participación de dez equipos en cada categoría masculina e feminina. haberá tamén unha proba popular. Ademais da importancia deportiva do evento, dende o concello destacan o positivo impacto económico para a vila, especialmente no sector hostaleiro e turístico. O percorrido, programado principalmente na rúa principal, avenida da Constitución e paseo de Barraña suporá algunhas alteracións no tráfico. O executivo pide comprensión ós veciños ante as molestias que poida ocasionar.