O executivo sonense levará a pleno a aprobación provisional do PXOM

    PORTO DO SON> Segundo o alcalde, Luís Oujo, trátase dun documento vital para o desenvolvemento futuro do concello, que agarda poida xa entrar en vigor esta primavera. Despois de máis de dezaseis anos de tramitación, o PXOM de Porto do Son e xa unha realidade. Ó novo planeamento réstanlle xa escasos trámites para a súa posta en marcha. Un deles será precisamente a súa aprobación provisional. Un feito que se levará xa este xoves a pleno. Segundo o alcalde foi un longo traxecto, de duro traballo, tanto do Goberno Local coma dos técnicos municipais e da empresa redactora, no que houbo que realizar numerosas modificacións. O novo planeamento sonense, que era un dos principais obxectivos do equipo de goberno nada máis acceder á alcaldía, podería entrar en vigor xa na primavera. O grupo municipal socialista decidiu tamén presentar un escrito no concello solicitando o cambio da celebración do pleno extraordinario de mañá para a casa de cultura, ó considerar que o aforo do centro de interpretación dos Castros de Baroña, onde se fan as sesións habitualmente, é insuficiente debido á alta expectación xerada. Os socialistas tamén se queixaron da tardanza na entrega da documentación.