Ecoloxistas en Acción recorrerá ante o TSXG a autorización do parque eólico de Banzas

OUTES> Ecoloxistas en Acción levará ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o Parque eólico de Banzas que afecta ós concellos de Outes, Negreira e Mazaricos. A asociación ecoloxista recorrerá a autorización da Xunta a unha instalación que, din, traería consecuencias irreparables para o ecosistema da zona.

A pesar das numerosas alegacións, presentadas non só por Ecoloxistas en Acción, senón tamén polos concellos e as comunidades rurais afectadas. a Xunta de Galicia autorizou o Parque Eólico de Banzas nos termos municipais de Outes, Negreira e Mazaricos.

Tras presentar un recurso de alzada ante a Consellería de Economía e Industria, a organización ecoloxista levará agora o asunto ata o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Consideran que esta instalación, promovida por Green Capital Power, suporá un enorme impacto paisaxístico sobre o medio natural e tamén acústico ante o ruído das turbinas ubicadas preto das vivendas que suporá unha importante merma da calidade de vida para os veciños afectados.

Ecoloxistas en Acción considera un auténtico despropósito que se teña autorizado este parte xa que na mesma zona hai outros 10 eólicos en tramitación e 2 en funcionamento. A alta concentración de aeroxeradores e o impacto das acometidas de alta tensión traerían, din, consecuencias irreparables para o escosistema conformado por humidais de gran valor ambiental.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí