A EDAR de Poio, proba do apoio ó marisqueo

POIO> O PP de Poio anuncia a posta en marcha unha campaña para buscar solución ó saneamento do municipio. Ángel Moldes pretende así que a creación da EDAR sirva como proba para ver ‘quen está realmente do lado do sector do mar’. Porque non vale, di o popular, estar sostendo unha pancarta en defensa do marisqueo o pasado sábado en Santiago, cando logo non se actúa no saneamento da ría.

 

 

O Partido Popular de Poio quere aproveitar esta marea de apoio ó sector marisqueiro que se escenificou o sábado en Santiago para que o goberno da localidade aplique o que defende e se poña a buscar unha solución ó problema do saneamento da ría.

 

A implicación na busca do terreo e execución da EDAR de Poio será, segundo o voceiro popular, Ángel Moldes, a proba do algodón para comprobar quen está verdadeiramente do lado do sector.

 

Apunta Ángel Moldes a datos citados no Parlamento de Galicia nos últimos días, nos que se apuntou que tódalas rías de Galicia foron reducindo o seu nivel de contaminación, mentres que empeora en dúas zonas: Ferrol e Poio.

 

Para intentar poñerlle solución, os populares pensan reunirse nos próximos días con confrarías, asociacións de mariscadores e bateeiros para facer a continuación unha solicitude formal tanto ó concello como á Xunta. Unha solicitude avalada con sinaturas: a do concello para que o executivo localice un lugar no que emprazar a EDAR, e á Xunta para que busque financiamento.

 

O Partido Popular insiste en que a situación da depuradora debe ser no propio municipio, dando porta ó tira e afrouxa que mantiveron durante moito tempo Sanxenxo e Poio sobre a ubicación da infraestruturas. A EDAR daría servizo ás dúas localidades, pero ningún dos grupos de goberno existentes antes das eleccións municipais a querían nos seus territorios.

 

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/29/PP_POIO.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/29/PP_POIO.mp4{/flowplayer}