BOIRO> A comisión de festas do San Mauro de Lampón deseñou un amplo cartel de actividades para celebrar por todo o alto a festividade do seu patrón.
A programación festiva arrancará xa o sábado a partir das cinco da tarde nas instalacións do pazo de Goiáns, cun serán no que participarán diversos grupos de música tradicional, non só da localidade senón tamén de fóra dela.
Xa o domingo, despois das tradicionais alboradas polas distintas aldeas da parroquia, celebrarase tamén no pazo de Goiáns unha degustación gastronómica de callos e empanada á que convidan á asistir.
Pero á par dos actos festivos, tamén se celebrarán diversas cerimonias relixiosas tanto na xornada do sábado como na do domingo na honra deste santo cunha gran tradición e devoción na parroquia.