Pontevedra denuncia que a ‘parálise’ de Costas está a ‘constrinxir’ a cidade

PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra denuncia a parálise de Costas. O alcalde presentou hoxe un dossier enviado ao Ministerio de Transición Ecolóxica sobre os asuntos e proxectos que están pendentes do visto bo deste departamento. Miguel Anxo Fernández Lores asegurou que a falta de xestión de Costas constrinxe á cidade e puxo como exemplo a situación de Mollavao, que hai anos que agarda que se actúe no barrio.

A desafección dos terreos na contorna da praia de Ponte Sampaio, o Pavillón Municipal de Deportes, as dotacións do campus da Xunqueira ou a solicitude de concesión dos terreos da imprenta e o parque de maquinaria. Son algúns dos asuntos e proxectos do concello de Pontevedra que están paralizados pola inacción de Costas.

O 30 de marzo foi a última vez que o concello de Pontevedra se dirixiu a Costas. Foi a través dun correo electrónico cun dossier enviado ao Ministerio de Transición Ecolóxica sobre estas cuestións pendentes. E, polo de momento, non obtiveron resposta.

Fernández Lores referiuse de xeito especial á situación de Mollavao. Os veciños do barrio levan tempo agardando a que se actúe na zona e a que se constrúa a nova vía entre a estrada PO-546 e a avenida de Marín.

O alcalde denuncia que dende o ano 2018 Costas non avanzou en ningún dos trámites pendentes. De aí que reclamen respecto para a cidade.