O PP volve reclamar o ‘concelleiro 22’

    VILAGARCÍA> O Partido Popular de Vilagarcía insiste. O grupo encabezado por Tomás Fole retou hoxe o alcalde da vila a preguntar aos veciños se queren, ou non, a instalación dun centro comercial no municipio.

    Os populares están convencidos de que os cidadáns apoiarían a chegada dunha destas áreas, de aí que o equipo de goberno non queira realizar esta pregunta. Ademais, lanzan un reto a Alberto Varela, ao preguntarlle se convocaría un pleno se a plataforma en defensa do emprego de recente creación reune 350 sinaturas para que se volva debatir esta cuestión, tal e como recollía o Partido Socialista no seu programa coa figura do concelleiro 22. Tomás Fole acusou ao rexedor de dinamitar iniciativas para crear emprego e de vetar aos partidos, aos cidadáns e ao seu propio programa electoral. Asegurou que Varela está molesto polo labor de oposición que está a realizar o Partido Popular.