A demolición do CIRA arranca o luns

    VILAGARCÍA> A demolición do acuario da praia da Compostela comezará o vindeiro luns.

    Así o anunciou hoxe a Xefa Territorial de Costas do Estado ao alcalde de Vilagarcía. As obras teñen un custo de 80 mil euros que financia integramente Costas, que tamén se encargará da execución dos traballos. Só houbo unha alegación ao proxecto de demolición do acuario: a dun particular que pedía que se retiraran as paredes pero que se mantivera a plataforma do edificio como miradoiro. A proposta foi desestimada, xa que contradí a causa do derribo do acuario, que invade o areal e supón unha barreira que afea o entorno. Durante a realización dos traballos inhabilitarase como aparcadoiro a calexa que da acceso ao acuario directamente dende Rosalía de Castro. Outra boa nova para Vilagarcía é a duración da actuación: segundo os cálculos de Costas, a demolición executarase nun prazo de quince días, o que permitirá que a praia estea libre para a temporada de Semana Santa.