A Feira do Comercio de Noia mantén o volume de vendas de anteriores edicións

    NOIA> Gran afluencia de público na Feira do Comercio de Noia Histórica que se desenvolveu esta fin de semana na vila. O nivel das vendas mantívose con respecto a anteriores edicións xa que os descontos animaron ós clientes a mercar nos máis de vinte expositores que participaron na feira. Nesta décima edición, a Feira do Comercio de Noia Histórica, consolídase xa como unha das citas comerciais de referencia en toda a comarca. A afluencia de público durante as tres xornadas que permaneceu aberta a carpa na alameda, traduciuse nun bo volume de vendas que se manteñen con respecto a anteriores edicións. co obxectivo de liquidar o stock de tempada, os vinte e un comercios participantes ofreceron descontos de ata o setenta por cento o que animou ós asistentes a mercar. A pesar dos bos resultados, Noia Histórica traballa xa nun novo concepto desta feira adaptando o seu deseño á nova forma de mercar, condicionada pola flexibilidade da tempada de rebaixas e a irrupción, cada vez máis xeralizada, das vendas por internet. Por esta razón, de cara a futuras edicións introducirán importantes novidades para facer as feiras máis atractivas ós clientes.