Palmeira conta dende esta mañá cun médico para atender ós pacientes a diario

RIBEIRA> As queixas dos veciños de Palmeira parece que esta vez si tiveron resposta.

A  consellería de Sanidade, a través dun comunicado, informou sobre a situación deste centro de saúde. Segundo sinalan dende a Xunta, o consultorio segue a manter a súa atención médica diaria e, trala ausencia do facultativo titular, a xerencia, segue a garantir a asistencia axeitada tódolos días.

Tamén anuncia que dende hoxe esta asistencia será prestada tódolos días polo mesmo facultativo de xeito estable ata a reincorporación do seu titular, en lugar de alternar diferentes profesionais.

Tamén sinalan que o resto das categorías do centro manteñen o seu horario habitual. Dende a xerencia aluden ás dificultades que hai nestes momentos no Sistema Nacional de Saúde para contratar profesionais nalgunhas especialidades médicas, polo que lle é complicado atopar facultativos para facer novas contratacións e, polo tanto, moito máis acadar profesionais para cubrir as baixas e as vacacións dos médicos de familia que atenden os cupos.

A dirección de Atención Primaria de Santiago-Barbanza di que analiza a diario as incidencias que xorden nos centros de saúde, como é o caso das baixas dos profesionais, vacacións ou días libres do persoal, procurando sempre solucións eficientes a cada caso.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí