Rexistran a sede de Vidal Armadores nunha operación contra a pesca ilegal

    RIBEIRA> Nova operación contra a pesca ilegal no Barbanza. A Garda Civil rexistrou durante toda a xornada as oficinas de Vidal Armadores, en Ribeira. Trátase dunha empresa vinculada á operación Sparrow en contra da pesca ilegal no Antártico. A sociedade acumula ademais numerosas multas por prácticas irregulares en augas internacionais. Axentes da Unidade Especial da Conservación do Medio Ambiente da Garda Civil desembarcaron esta mañá en Ribeira no marco dunha operación contra a pesca ilegal. Durante toda a xornada, procederon ó rexistro das oficinas de Vidal Armadores, emprazadas na Avenida da Coruña mentres se desenvolveron operacións paralelas noutros puntos da provincia. Non é a primeira vez que esta sociedade está no punto de mira pola súa presunta relación coa piratería. Foi a principal investigada no marco da operación Sparrow contra a pesca ilegal no Antártico, que lle valeu a apertura dun expediente sancionador que se vén sumar ás numerosas multas acumuladas pola empresa. Sonados foron tamén os episodios vividos por algúns buques propiedade da armadora como as persecucións do Viarsa 1 e do Thunder tras ser detectados pescando en augas prohibidas.