Barbanza Arousa volverá a apostar polas ‘Paisaxes Sonoras’

BOIRO> O éxito da primeira edición levada a cabo o pasado ano, en plena pandemia, foi unha das razóns que levou á mancomunidade Barbanza Arousa a apostar novamente polas ‘Paisaxes Sonoras’.

A actividade, presentada esta mañá, virá nesta segunda edición, con algunha que outra novidade. A principal é que será en formato de festival. Desenvolverase en tres xornadas consecutivas 27, 28 e 29 de agosto, programándose para eses días un total de catro concertos. Un por cada concello que integra a entidade.

Os grupos convidados nesta edición serán Heredeiros da Crus que actuará o venres 27 de agosto ás oito da tarde na praia do Esteiro, en Cabo de Cruz. Ó día seguinte actuarán as  Tanxugueiras nunha sesión vermú que terá lugar no peirao de Taragoña e pola tarde, ás oito, tocaralle o turno a Mercedes Peón, na punta de Cabío. O peche do festival, terá lugar o domingo 29, na Fábrica de Salazón de Castiñeiras, ó mediodía, coa actuación do grupo Baiuca.

Ademais das responsables de Cultura dos catro concellos que integran Barbanza Arousa, na presentación do programa tomou parte tamén o deputado responsable da Área de Cultura da deputación da Coruña, Xurxo Couto, que destacou a idoneidade deste festival, no que se mestura natureza, recursos turísticos e música, ademais de grupos galegos.

Como acontecera xa o pasado ano respectaranse tódalas medidas anti-covid, con niveis de ocupación máis limitados e atendendo sempre as restricións existentes en cada municipio no momento dos concertos. As entradas sairán mañá á venda a través da taquilla.com. Ademais das individuais, o público interesado terá tamén ó seu dispor abonos para os catro concertos.