Chano Domínguez será o cabeza do cartel do Festival Jazz Noia

NOIA> Noia converterase novamente na capital do jazz, non só a nivel galego senón tamén internacional, da man do Festival Jazz Noia. Desenvolverase os días 12, 13 e 14 de agosto.

O concello noiés foi esta mañá o escenario da presentación do Festival Jazz Noia organizado pola concellería de Cultura e que este ano chega xa a súa décimo segunda edición. Desenvolverase os días 12, 13 e 14 deste mes de agosto. Como principal novidade este ano é que ademais dos concertos, proxectarase tamén unha película ligada intimamente a este xénero musical, ‘Calle 54’.

Entre os artistas convidados para esta edición destacan o músico cubano Hansel Luis ou Chano Dominguez. Artista que ademais do concerto, que ofrecerá o sábado á mañá unha masterclass no Coliseo Noela sobre flamenco e jazz.

Dende o Concello quixeron agradecer o traballo realizado polo propio Kin García, verdadeiro ‘alma mater’ do festival, xa que sen o seu traballo, a súa celebración sería practicamente imposible.

Os concertos serán de balde e desenvolveranse na praza da Constitución ás nove e cuarto da noite. Iso si, para poder asistir precisarase reserva previa de entrada debido ás restricións impostas pola covid a través do correo electrónico: programacionconcellodenoia@gmail.com.

Dende a organización quixeron agradecer tamén a colaboración do artista local Veiras Manteiga, que outra edición máis colabora co festival co deseño do cartel.