As rías galegas contarán cunha oferta estable de cruceiros

    BOIRO> A proposta da Axencia Galega de Turismo de elaborar unha proposta de lecer que conxugase mar e terra materializouse finalmente nos cruceiros costeiros de Galicia que se veñen de presentar en Boiro, pola importancia de Arousa Norte nos itinerarios incluídos este proxecto. Trátase de dúas rutas. A primeira, Tesouros das Rías de Galicia, inclúen tres días de navegación con escala en Cabo de Cruz. A outra opción, Illas Atlánticas e vilas mariñeiras, componse de ata seis xornadas que poden organizarse segundo as necesidades dos usuarios. Nesta ruta pódese realizar paradas en tódolos municipios de Arousa Norte e unha visita a Sálvora, entre outras moitas xoias do litoral galego. O obxectivo desta proposta, desenvolvida por Portos de Galicia e a Asociación Galega de Actividades Náuticas, é promover unha oferta estable e que perdure no tempo co fin de desestacionalizar o turismo e fidelizar ós visitantes, especialmente ós internacionais. Os cruceiros que discorren polas rías de Arousa, Pontevedra e Vigo contan cun gran protagonismo de Arousa Norte; feito que supón unha gran satisfacción para a Mancomunidade que leva tempo apostando por aproveitar o gran potencial da ría como atractivo turístico. Unha vez presentado oficialmente o proxecto, que conta coa garantía da carta de calidade europea NEA, desenvolveranse diversas actividades promocionais en diversos puntos de España, así como en Portugal, Irlanda, Reino Unido e Francia. mentres tanto, os potenciais usuarios destes cruceiros poden consultar toda a información na web nauticadestination.com. Proximamente habilitarase o apartado para realizar reservas xa que a primeira saída está prevista para o quince de abril.