PORTO DO SON> Trinta e cinco anos despois do seu inicio, o proceso de concentración parcelaria de Nebra chegou á súa fin. O Conselleiro do Medio Rural desprazouse ata a localidade sonense para entregar os títulos de propiedade.
Foron necesarias máis de tres décadas e un investimento de máis de 3 millóns de euros para concluír o proceso de concentración parcelaria de Nebra, en Porto do Son, que supuxo a reordenación dunha superficie de 610 hectáreas que pasou de 7500 a 2500 fincas.
Trinta e cinco anos despois, ningún dos seus promotores iniciais vive. O destino quixo que o último, Pepe de Porto Foloña, falecese onte mesmo polo que a cerimonia do seu enterro coincidiu coa entrega dos títulos de propiedade que finalmente el non puido recoller.
A de Nebra é unhas das 25 concentracións que a Xunta ten concluído dende o ano 2020, co obxectivo de aumentar a base territorial das explotacións agropecuarias.
Ademais das parcelarias, a Xunta está a impulsar, a través da lei de recuperación da terra agraria, unha serie de mecanismos para favorecer a maior participación na explotación das terras como son as agrupacións de xestión conxunta, as aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario.