O concello de Muros urxe a Costas a reparación do paseo de Esteiro

    MUROS> O concello de Muros busca financiamento para a reparación do paseo marítimo de Esteiro que se atopa moi deteriorado. A alcaldesa mantivo un encontro co xefe da Demarcación de Costas en Galicia quen se comprometeu a estudar a demanda do cambio das travesas de madeira do paseo. O avanzado estado de deterioro que presenta o paseo de Esteiro obrigou ó concello de Muros a tomar medidas. A alcaldesa solicitou a colaboración da Demarcación de Costas do Estado en Galicia, cuxo xefe, Rafael Eimil, desprazouse ata a zona para coñecer de primeira man as necesidades desta infraestrutura. Á espera de que Costas elabore o proxecto e cuantifique o seu custo, o concello estima que sería preciso substituír o pavimento na súa totalidade. Propoñen a substitución das travesas de madeiras, moi deterioradas, por un material máis duradeiro e menos custoso de manter. O executivo agarda que se acometa a actuación á maior brevidade posible xa que o paseo está practicamente intransitable a día de hoxe e presenta un alto risco de caídas e accidentes para os peóns.