A Comisión Mixta de Xustiza solicitará un cuarto xulgado para Ribeira

BARBANZA> A Comisión Mixta de Xustiza solicitará ó Ministerio a creación de sete novos órganos xudiciais en Galicia. Entre eles figuran un xulgado en Vilagarcía e outro en Ribeira, satisfacendo así unha vella demanda do colectivo de avogados, xuíces e funcionarios da sede barbanzá.

A comisión Mixta de Xustiza, presidida polo titular do TSXG e polo vicepresidente da Xunta, acordou solicitar ó Ministerio de Xustiza a creación de sete novas unidades xudiciais para Galicia en 2022. Na lista figura un xulgado mixto para Vilagarcía e outro para Ribeira. Este último leva sendo demandado dende hai anos non só polo colectivo de traballadores senón tamén polos propios órganos xudiciais ante a elevada carga de traballos que soportan os xulgados ribeirenses cunha pendencia por riba dos mil casos tanto na sección civil como na penal.

De feito, nas solicitudes formuladas pola sala do goberno do Tribunal priorizáronse aquelas con maior carga de traballo estrutural que non depende dunha conxuntura que poida ser solucionada cun reforzo temporal.

A comisión solicitara tamén a creación de dúas novas prazas de maxistrado nas seccións penais da Audiencia Provincial da Coruña e de Pontevedra respectivamente. Haberá que agardar agora á resposta do goberno central que aínda non comunicou o número de unidades que prevé crear en Galicia neste ano.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí