Entra en funcionamento a oficina de atención cidadá de Ribeira

    RIBEIRA> Este servizo permitirá centralizar tódolos trámites e xestións municipais nun só espazo, mellorando notablemente a atención ós veciños e axilizando os procesos administrativos. Aínda que finalmente será mañá cando entre en funcionamento, o alcalde, Manuel Ruíz, acompañado de membros dos distintos grupos políticos que compoñen a corporación municipal, realizou unha visita á nova oficina de atención ó cidadá situada na propia planta baixa do concello. Con ela o executivo ribeirense pretende mellorar considerablemente os servizos que se prestan ós veciños, tratando de buscar a súa comodidade, centralizando nun só espazo a realización de calquera trámite administrativo. Aínda así, este non será o único avance. A intención do executivo ribeirense é que, nun prazo curto de tempo, calquera veciño, poida consultar e mesmo realizar calquera trámite dende a súa casa, a través de internet no ‘Portelo Dixital’. O alcalde pediu ademais comprensión ós veciños polas posibles demoras que se poidan producir nestes primeiros días de entrada en funcionamento da nova oficina, problemas que, segundo el, co paso do tempo de seguro se irán solucionando.