Louzán deixa o concello de Ribadumia

    RIBADUMIA> Rafael Louzán presentou este mediodía a súa renuncia á acta de concelleiro en Ribadumia.

     

    Rafael Louzán abandona o concello de Ribadumia. Despois de 21 anos como edil no municipio de O Salnés, este mediodía presentou a renuncia á súa acta.

    No documento, o veterano político explica que é o momento de deixar paso a novas persoas que recollan o testemuño. Agradeceu a colaboración ao persoal do concello, así como aos concelleiros actuais e pasados do Partido Popular e das outras forzas da corporación. Tamén se referiu aos veciños e veciñas de Ribadumia, dándolles as grazas pola confianza depositada nel.

    Coa renuncia de hoxe, Rafael Louzán abandona por completo a vida política para centrarse no seu papel como presidente da Federación Galega de Fútbol. Recordemos que o bipartito PSOE-BNG lle arrebatara a presidencia da Deputación provincial tras 12 anos á súa fronte, despois de que o Partido Popular non conseguira a maioría absoluta nas eleccións do pasado mes de maio. En setembro, Louzán renunciaba á súa acta de deputado provincial e, a finais de xaneiro, anunciaba que non se presentaría como candidato a seguir presidindo o Partido Popular de Pontevedra, cargo que ocupara dende o ano 2000. Esta decisión será efectiva no Congreso Provincial que os populares celebran este domingo día 13, no que confirmarán a Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, como o seu substituto.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí