CARRIL> As mariscadoras de Carril seguen atravesando unha situación crítica. Acaban de decidir prolongar o peche da praia ata xuño. Din que o marisco que teñen alí non medrou e non dá a talla comercial. Con todo, tampouco agardan grandes noticias para dentro de dous meses e que, do mesmo xeito que acontecera co Nadal, a campaña do verán está practicamente perdida. As mariscadoras insisten en que fai falta ir ao fondo do problema para determinar con exactitude as causas e intentar salvar o sector.
Non hai marisco e a situación vai de mal en peor na ría de Arousa. Esta imaxe desta mañá na praia da Compostela é inusual para o mes de maio. A actividade das mariscadoras de a pé paralizada e tan só tarefas de limpeza para non asfixia-lo pouco marisco que queda. A ameixa que sementaron aquí no 2023 non medrou aínda, polo que as mariscadoras decidiron prolongar o peche da praia ata xuño.
E agora súmanlle outros dous meses de parón. Logo do desastre da campaña do Nadal, as mariscadoras xa asumen con resignación que a do verán será máis do mesmo. Din que esta prolongación do peche da praia non servirá de moito.
As mariscadoras saben que detrás desta situación está o incremento da temperatura da auga e a baixa salinidade, consecuencia das chuvias. Con todo, insisten en que fai falta chegar ao fondo do asunto para obter conclusións máis atinadas e buscar solucións.
Ademáis da limpeza, en breve as mariscadoras terán que comezar as campañas de vixilancia contra o furtivismo de bañador. Dúas tarefas obrigatorias -e necesarias, apunta María Porto- que tamén dificultan que as mariscadoras poidan ter outro traballo no tempo no que dura o parón. Iso si, para manter o seu permex cada mariscadora ten que seguir pagando máis de 300 euros de seguro e semente.