Boiro acolle en Maio o ‘Desafío Boot Camp’

    BOIRO> Trátase dunha innovadora modalidade de carreira de obstáculos con percorrido polo monte, o asfalto e a area. Os amantes da aventura xa poden formalizar a inscrición nesta proba, clasificatoria para o campionato europeo deste deporte. A de Boiro será a primeira proba desta categoría que se celebre en Galicia neste ano. Trátase ademais dunha cita importante xa que os dez primeiros clasificados terán pase directo ó campionato europeo que se celebrará en Holanda no mes de xuño. O percorrido, de aproximadamente dez quilómetros, conta con treitos de praia, asfalto e monte. Pero o máis destacado son os obstáculos que os participantes irán atopando polo camiño. Algúns, os agardados, e outros suporán unha auténtica sorpresa para os corredores. Coa organización desta proba, o concello agarda reunir na vila a miles de asistentes atraídos pola vistosidade da competición. Ademais da categoría extreme habería unha máis doada para afeccionados así como unha carreira para nenos.