Inaugurado o viveiro de empresas de Ribeira

    RIBEIRA> O presidente da Deputación da Coruña inaugurou o viveiro de empresas de Ribeira. Esta nova instalación xa conta con catro solicitudes de emprendedores para ocupar un espazo. Ademais do organismo provincial, a Cámara de Comercio de Santiago e a Fundación Incyde colaboran coa posta en marcha deste servizo. A boa colaboración entre administracións fixo posible que Ribeira conte xa cun viveiro de empresas. A nova infraestrutura, emprazada no edificio do antigo matadoiro trala súa reforma integral, abría as súas portas hai uns días pero foi hoxe cando tivo lugar a súa inauguración oficial a cargo do presidente da Deputación da Coruña. O obxectivo deste novo servizo é promover o emprendemento e fomentar o emprego. Así, veñen de suscribirse dous convenios coa Cámara de Comercio de Santiago e a Fundación Incyde, que financiou o oitenta por cento do proxecto, para que os usuarios do viveiro empresarial conten cun servizo de asesoramento xurídico e orientación. Na actualidade, xa se presentaron catro proxectos para ocupar algunhas das oficinas con que contan as instalacións, o que dá idea da necesidade deste servizo nun municipio como Ribeira. O inmoble conta cun total de dez oficinas, unha delas ocupada polo servizo de orientación laboral, unha sala de xuntas e outra de usos múltiples.