‘Tapeo no mercado’ dará a benvida ás catro estacións do ano

    BOIRO> Despois do éxito do Boiro Cool Market, o concello volve apostar pola dinamización da praza de abastos a través de innovadoras iniciativas. ‘Tapeo no mercado’ inclúe catro citas, cada unha delas nunha estación do ano diferente, que combinan gastronomía e cultura a partes iguais. A primeira das citas, para dar entrada á primavera será o sábado vinte e seis de marzo. O novo espazo multiusos do mercado municipal encherase de vida con obradoiros gastronómicos, exhibicións de cociña en directo, actuacións musicais e exposicións. O programa tapeo no mercado terá continuidade ó longo do ano, cunha actividade coincidindo coa entrada de cada estación. Así, o 25 de xuño, o 24 de setembro e o tres de decembro repetiranse actividades similares na praza, co claro obxectivo de desestacionalizar o turismo e dinamizar o comercio e a economía local. A iniciativa, organizada polo concello de Boiro, conta cunha achega económica da Deputación da Coruña así como a colaboración de varios establecementos e asociacións do municipio.