O entroido noiés recupera a normalidade cun amplo programa para tódolos públicos

NOIA> Noia celebrará o entroido cun programa cargado de actividades para tódolos públicos. Entre os eventos máis destacados está o Rali París-Dakar, que repartirá máis de oito mil euros en premios, ou unha carreira solidaria en favor de Cáritas.

Xa o venres 17 dúas charangas anunciarán o comezo do entroido en Noia. O sábado terá lugar unha festa infantil no pavillón Alonso Rodríguez, entre as 5 e as 8 da tarde, e o domingo unha carreira familiar na que se recollerán alimentos para Cáritas.

O luns, martes e mércores pola mañá desenvolveranse obradoiros infantís para os que será preciso inscribirse previamente no concello ou a través da sede electrónica. E o mércores de cinza terá lugar o enterro da sardiña a partir das oito e media da tarde. Pero aquí non remata o programa do entroido noiés que reserva para o venres de piñata un dos seus pratos fortes,. A 37 edición do Rali París- Dakar sairá ás nove da noite da explanada de Labarta.

En total, repartiranse máis de 8 mil euros nas categorías individual, parellas, comparsas e grupos. Haberá tamén un premio especial simpatía e Máis Choqueiro así como 5 mencións especiais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí