A Pobra acolle esta Semana Santa unha nova edición do ‘Destápate’

    POBRA> Unha vintena de establecementos hostaleiros participarán na ruta de tapas que se celebrará na Pobra durante a Semana Santa. Por tan só dous euros, ofrecerán suculentos pinchos elaborados con materia prima autóctona que farán as delicias de veciños e visitantes. Un ano máis, a asociación de empresarios e o concello da Pobra poñen en marcha o concurso de tapas ‘Destápate’ co obxectivo de dinamizar a hostalería durante unha época de gran afluencia de visitantes como é a Semana Santa. Dezasete establecementos súmanse a esta iniciativa, ofrecendo entre xoves e domingo, unha tapa especial por tan só dous euros. Os clientes que consigan seis selos entrarán no sorteo de dez vales de compra valorados en cincuenta euros cada un. O sorteo para coñecer os gañadores celebrarase o oito de abril ás oito da tarde na asociación de empresarios da Pobra.