VILAGARCÍA> En Vilaxoán, preocupa o futuro de COINBA. As traballadoras non entenden os motivos que levan ós socios desta empresa de procesado de bacallau a presentar un concurso de acredores. Din que a compañía é viable e que a súa débeda é máis que asumible. A CIG, que está mañá arroupou ás traballadoras, sospeita que detrás de todo isto hai un pelotazo urbanístico, porque a parcela na que se sitúa a empresa está en primeira liña de costa.
É unha empresa cunha longa tradición en Vilaxoán, na que traballaron xeracións e xeracións de veciños. COINBA dedícase ó procesado de bacallau dende os anos 60. Unha compañía, din as traballadoras, viable e que estaba a recupera-la súa bolsa de clientes. A empresa entrou en concurso de acredores por unha débeda de 400.000 euros con Abanca e a Seguridade Social. Unha cantidade, entenden, perfectamente asumible pola empresa se houbese vontade.
A CIG apoia ás traballadoras. A central nacionalista di que a débeda poderíase reverter mediante unha hipoteca da nave e da parcela na que se sitúa a empresa. O sindicato indica que un dos principais problemas da compañía está nas desavinzas entre a ducia de persoas da mesma familia que compoñen a dirección. Sospeitan tamén que detrás do concurso de acredores agóchase algo máis: un pelotazo urbanístico pola boa localización dos terros, á beira do mar. Quérense reunir co Concello a semana que vén.
Mentres o futuro de COINBA colga dun fío, as traballadores xa non cobraron o salario deste mes, porque a Seguridade Social bloqueou as contas da empresa. Unha medida, explica a CIG, insólita e ante a que anuncian mobilizacións.
O vindeiro luns as traballadoras tamén se reunirán co administrador concursal para coñecer de primeira man cal é a situación real pola que está a atravesar unha das empresas do sector máis antigas de España.