‘O Rei da Sabana’ chega a Rianxo

    RIANXO> O espectáculo musical, a primeira adaptación ó galego de El Rey León, poderá verse no auditorio municipal os días 15, 16 e 17 de abril. Con gran expectación, despois dos cheos rexistrados nas diferentes funcións realizadas ata o de agora en Vilagarcía, Catoria ou Noia, o espectáculo ‘O Rei da Sabana’ da Asociación Musical CODA chega a Rianxo. Serán tres funcións previstas para os días 15, 16 e 17 de abril. Trátase dunha adaptación ó galego do exitoso clásico de Disney ‘El Rey León’. O musical, cunha duración de dúas horas e dirixido a un público familiar, conta coa participación dun gran número de persoas implicadas na montaxe e realización do espectáculo. Entre o elenco de artistas, un rianxeiro: Perfecto Gómez, que interpreta o papel de Mufasa. Dende o concello rianxeiro destacaron a importancia deste espectáculo, agardando un éxito de público. As entradas estarán á venda no Bar O Furancho a partir do próximo un de abril a un prezo único de 13’50 euros. O venres 15 a función será as nove e media da noite, mentres que o sábado 16 e o domingo 17 será ás cinco da tarde.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí