Mar reafirma o seu compromiso coa carpintería de ribeira

RIANXO> A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou esta mañá as instalacións de Estaleiros Catoira. Alí destacou o labor deste tipo de talleres de construcións de embarcacións en madeira, de cara a preservar a importante tradición da carpintería de ribeira.

Un ano máis a consellería do Mar vén de asinar un novo convenio coa Asociación Galega de Carpintería de Ribeira, Agalcari, que permitirá poder seguir desenvolvendo actividades de recuperación, conservación e divulgación do patrimonio marítimo galego e para a protección deste oficio tradicional.

Durante a visita realizada esta mañá a Estaleiros Catoria, un dos poucos talleres que quedan en Galicia dedicados a este nobre oficio, a titular de Mar, Rosa Quintana, refrendou o seu apoio á construción naval en madeira e á preservación do patrimonio cultural e mariñeiro da nosa comunidade.

Dende AGALCARI volveron a insistir na necesidade de camiñar cara a consecución dun regulamento para a construción naval en madeira, e poder obter así un selo de calidade para as súas embarcacións.

Dende o sector botan en falla tamén a  posta en marcha dun plan de formación para garantir así a pervivencia deste oficio, pois cada vez atópanse con maiores dificultades para atopar man de obra cualificada.

Estaleiros Catoira é un dos poucos talleres de construción de barcos en madeira que aínda traballan hoxe en día en Galicia. Apenas quedan uns 20. A maioría deles agrupados na Asociación Galega de Carpintería de Ribeira.