Recollen máis de 2000 sinaturas para implantar o servizo de HADO en Rianxo

RIANXO> Entregadas máis de 2300 sinaturas no concello de Rianxo para demandar a implantación do servizo de hospitalización a domicilio no municipio. Agardan que a Xunta cumpra co acordo plenario adoptado o pasado ano para incluír a Rianxo no programa HADO a principios do próximo ano.

En tan só un mes, os veciños de Rianxo que impulsaron unha campaña para demandar a implantación do servizo de hospitalización a domicilio conseguiron recoller 2300 sinaturas. Hoxe entregábanas no rexistro do concello, para facerllas chegar á Consellería de Sanidade, dando un paso máis cara a consecución de tan ansiado servizo.

Na súa reivindicación contan co apoio do concello de Rianxo que desenvolveu tamén diversas iniciativas para reclamar o servizo. O alcalde quixo agradecer o labor desenvolvido polo colectivo veciñal para conseguir que Rianxo e mesmo outros concellos limítrofes poidan contar cunha unidade de hospitalización a  domicilio.

O colectivo de afectados agarda que a Xunta cumpra co seu compromiso de incorporar Rianxo á estratexia HADO durante o primeiro trimestre de 2022, tal e como aprobou a pasada semana o pleno do Parlamento Galego.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí