Marea Noia denuncia a falla de pediatra no centro de saúde

    NOIA> A formación solicita que se cubra esta praza de inmediato, para dar resposta así a importante demanda existente. A falla do servizo de pediatría na Casa do Mar de Noia está a levantar as críticas, non só da veciñanza afectada, senón tamén dos diferentes grupos políticos. Neste caso é a Marea a que vén de denunciar esta situación que se vén padecendo dende primeiros desta semana e que se prolongará previsiblemente ata o próximo luns. Dende a formación sinalan que os nenos teñen que ser derivados a outros centros de saúde de concellos veciños como é o caso de Lousame e Outes para seren atendidos por un médico especialista en enfermidade infantil, cos trastornos que isto pode carrexar. Razón máis que suficiente para solicitar que se cubra esta praza de xeito inmediato. Dende a Marea consideran que a sanidade é un dos piares básicos do sistema de benestar polo que ofrecer un servizo de calidade debe ser unha das obrigas das Administracións.