Noia contará cun depósito para garantir o abastecemento de auga potable

    NOIA> Augas de Galicia dotará a Noia dun depósito de auga con capacidade para tres mil metros cúbicos. Este foi o compromiso adquirido polo director xeral do ente autonómico na xuntanza mantida co alcalde, Santiago Freire, para abordar os problemas de turbidez da auga que rexistra o municipio. Esta actuación permitirá un almacenamento de auga que garanta o abastecemento ós veciños durante corenta e oito horas. Nos dous días posteriores ós episodios de turbidez, cortarase a captación da rede pero manterase o abastecemento ata solucionar o problema. Durante a reunión abordáronse tamén as melloras na estación de tratamento de auga potable, que constitúen unha prioridade para a Consellería de Medio Ambiente.