Boiro relanza a Bienal de Pintura ‘José Luis Fernández’

    BOIRO> O Centro Cultural e Deportivo de Boiro volverá organizar a Bienal de Pintura ‘José Luís Fernández’ co obxectivo de relanzar un certame con gran tradición na vila. O concello colabora na organización do evento a través dunha achega económica. A nova directiva do Centro Cultural e Deportivo de Boiro pretende relanzar esta bienal de pintura que conta cunha longa traxectoria de preto de tres décadas de historia. nesta decimo terceira edición establécese un premio único de mil oitocentos euros para o gañador. O xurado realizará unha selección de ata vinte obras das presentadas a concurso que permanecerán expostas entre o tres e o vinte e catro de xuño no centro cultural e deportivo de Boiro. Ademais da colaboración de galerías como La Doce ou Sargadelos Barbanza destaca a fonda implicación do concello co fin de relanzar un importante evento dinamizador da vida cultural no municipio e promover a creación entre os novos talentos. Os autores que desexen presentar as súas obras poden facelo a partir do próximo luns e dispoñen de prazo ata o vinte e nove de abril.