Bota a andar o Plan de Inclusión Laboral en Comercio do Deán

    POBRA> Na iniciativa, pioneira neste ámbito, participarán dez persoas con diversidade funcional. Despois dun proceso de selección de candidatos que levou varios meses, o Plan de Inclusión Laboral en Comercio para persoas con algún tipo de discapacidade do Centro Comercial Deán xa está en marcha. A convocatoria tivo ademais un éxito maior do agardado, razón pola que foi necesario ampliar o número de participantes ata as dez persoas. A primeira xornada foi a das presentacións. Os candidatos e as súas familias tiveron tempo de coñecer ó equipo formativo e tamén os contidos nos que se afondará ó longo deste curso que vai máis alá do aspecto meramente formativo. Ademais da boa acollida por parte das familias e outras entidades sociais participantes como é o caso de Amicos, Ámbar ou o Centro de Atención á Discapacidade, o proxecto conta tamén co visto bo da Deputación da Coruña, que a través da área de Servizos Sociais que dirixe Ánxela Franco, implicouse dende un primeiro momento na iniciativa. De saír ben, as experiencias deste programa piloto de inclusión laboral en comercio, poderían aplicarse a outras localidades non só da comarca senón de toda Galicia e tamén a outros ámbitos e sectores.