Máis dun cento de voluntarios participaron na recollida de pellets en Balieiros

RIBEIRA> Un cento de voluntarios participaron esta fin de semana na xornada de limpeza organizada polo concello de Ribeira na praia de Balieiros. Tamén en Porto do Son, operarios do concello vixiaron as costas ante a previsión da posible chegada de máis restos plásticos por mor das correntes. Finalmente, non foi así e a marea branca está a desprazarse cara o norte.

A chuvia non foi quen de disuadir ós máis de cen voluntarios que este sábado traballaron na recollida de pellets na praia de Balieros, en Corrubedo. Coordinados polo concello de Ribeira e por Greenpeace centraron os seus esforzos tanto na area como na zona de cantís. Fixérono ata que a marea o permitiu, con grandes dificultades non só polas malas condicións climatolóxicas senón tamén pola enorme dispersión dos pellets.

Tamén en Porto do Son, dende o concello permaneceron vixilantes ante a previsión da posible chegada de máis restos por mor das correntes. Finalmente, semella que non foi así e o vertido avanzou cara o norte, afectando en maior medida ás costas asturianas.

Sen baixar a garda e mantendo tódolos medios dispoñibles para a retirada dos residuos, o alcalde de Porto do Son fai un chamamento a tódalas administracións e organizacións implicadas para coordinar a retirada dos sacos no mar e dos posibles restos na costa.

Insta ademais a valorar o problema na súa correcta dimensión, fuxindo de alarmismos, para non prexudicar ó sector.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí