NOIA> O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Manuel Rodríguez, asistiu esta mañá en Noia ó acto de presentación dunha campaña de produtos galegos no hipermercado Vegalsa-Eroski. Alí, destacou a importancia de apostar pola calidade para poñer en valor os produtos agroalimentarios galegos.
O Hipermercado Eroski de Noia foi escenario esta mañá do acto de presentación da nova campaña de posta en valor dos produtos galegos que desenvolverá esta firma de sumermercados durante os próximos meses. No acto contouse tamén coa presenza dos directores da Axencia Galega de Calidade Agroalimentaria, Manuel Rodríguez, e de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro. Na súa intervención Manuel Rodríguez incidiu na importancia de apostar pola calidade para poñer en valor os produtos agroalimentarios galegos.
Tamén participou a concelleira de Comercio, Mariola López, quen destacou a aposta de Vegalsa-Eroski por potenciar os produtos de proximidade e de calidade e dalos a coñecer directamente ós consumidores.
Ademais de acoller a propia presentación da nova campaña, o Hipermercado Eroski de Noia acollerá dende hoxe ata o próximo sábado diversas actividades promocionais, principalmente en formato de degustación, para dar a coñecer ós clientes os produtos de proximidade dos provedores que participaron nesta acción específica, entre os que se atopan Bodegas Martín Códax, Coren, Ternera Gallega ou Da Veiga.