LOUSAME> Na proba, disputada este pasado domingo, tomaron parte uns 441 corredores. Uns 441 corredores, sumando tódalas categorías, déronse cita onte domingo en Lousame para tomar parte na segunda edición da Carreira Popular ‘Pilar Barreiro Senra’. A saída da proba na categoría absoluta tiña lugar ás once e media da mañá dende as inmediacións do concello, en Portobravo. A alcaldesa Teresa Villaverde foi a encargada de dar a saída a unha carreira que estivo dominada practicamente de principio a fin polo corredor do Atletismo +9 Moraña, Abel Barros. O corredor pontevedrés completou os dez quilómetros de percorrido cun tempo de 34 minutos e 33 segundos, cunha cómoda vantaxe de 17 segundos sobre o segundo clasificado: o lalinense José Canda Louzao do Club Acervañán. Completou o pódio da categoría absoluta masculina Manuel Vieites, do Club Atletismo Cuntis. Polo que respecta á categoría feminina a gañadora foi Esther Pedrosa, cun tempo de 39 minutos e 50 segundos. María Martínez do Atletismo Porriño entraba na segunda posición e a atleta local, María González rematou en terceiro lugar. Ampla foi tamén a participación das categorías escolares. A organización da proba foi alternando as saídas en función da idade de cada participante, establecéndose tamén diferentes percorridos para cada categoría. Para os pequenos resultou toda unha xornada de festa e ningún participante se quedou sen o seu agasallo. A carreira foi organizada polo concello de Lousame, que contou coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, así como co patrocinio de Autos Patiño e Plus Ultra Seguros.
Inicio Deportes