Éxito comercial e de público no primeiro mercado labrego de Lousame

    LOUSAME> Na iniciativa, desenvolvida na Praza do Concello, participaron uns vinte postos. Uns vinte postos nos que se podían adquirir ou degustar produtos do sector primario como é o caso de froitas, hortalizas, marmeladas ou elaborados lácteos, entre outros, tomaron parte onte domingo na primeira edición do mercado labrego de Lousame. Na iniciativa, impulsada dende o concello tamén houbo un oco para a artesanía, con postos nos que se vendían todo tipo de utensilios, tanto para as tarefas domésticas e agrarias como tamén artigos decorativos, elaborados con materias como o coiro, a madeira ou o vimbio. Tamén houbo demostracións en directo de labores artesáns, como o traballo do coiro e da lá, así como obradoiros participativos para os máis pequenos, como un taller de modelado en barro. Tampouco faltaron actuacións musicais en directo, da man dun grupo folk e tamén de zanfoña cun cantar de cego, xa que moitos dos asistentes ían caracterizados de época. Dende o propio concello lousamiano valoraron moi positivo esta iniciativa que por primeira vez se organiza no municipio. A alcaldesa, Teresa Villaverde, mostrouse moi satisfeita tanto pola boa acollida de público que tivo a iniciativa como polo nivel de vendas que acadaron tódolos participantes.