RIBEIRA> O alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz, estará á fronte da entidade ó longo de todo o ano. Colle o relevo a Xosé Ramón Romero, rexedor boirense que iniciou o seu mandato como alcalde asumindo tamén a presidencia da mancomunidade.
O pleno celebrado está mañá pola mancomunidade de Arousa Norte serviu para ratificar oficialmente o traspaso de poderes. Será Ribeira, co seu alcalde Manuel Ruíz, a encargada de presidir o ente supramunicipal en 2020 tal e como establecen as bases da presidencia rotatoria cada ano. Ruíz quixo agradecer o traballo realizado polo actual alcalde de Boiro e o seu antecesor nun ano complicado marcado polo cambio na xerencia da entidade.
Durante o pleno celebrado esta mañá abordáronse diversos aspectos organizativos como a necesidade de mellorar a coordinación entre a Mancomunidade e os servizos técnicos dos distintos concellos.
Tamén se analizaron diversos proxectos de promoción turística no eido da náutica deportiva, o turismo de natureza e a mellora da oferta gastronómica a través dunha maior formación en hostalería.
A sesión rematou coa proxección do video sobre o ‘Camiño do Barbanza. A orixe’, un dos principais proxectos nos que está inmerso Arousa Norte para lograr o recoñecemento da ruta xacobea que discorre pola bisbarra.