Pontevedra e Vigo apostan polo ‘diálogo permanente’

PONTEVEDRA> “Unha visita que escenifica o novo marco de diálogo permanente que vai haber entre as cidades de Pontevedra e Vigo”. Así definía o rexedor vigués o seu paso pola vila do Lérez onde ambos alcaldes falaron da necesidade dunha alternativa libre de peaxe para a conexión Pontevedra-Vigo e a cualificación como trens de proximidade dos servizos de ferrocarril que unen ambas cidades.

 

O alcalde de Vigo facía este mércores a súa primeira visita institucional ao concello de Pontevedra onde era recibido polo rexedor Pontevedrés. Para o socialista a visita ten unha grande importancia e marca un antes e un despois nas súas relacións, que veñen en parte pola boa sintonía que manteñen ambos partidos no goberno da Deputación provincial.

Ambos alcaldes comprometéronse a seguir traballando para potenciar o que os une para un beneficio mutuo como a conectividade entre as dúas cidades que aseguraron pasa por unha alternativa á autopista libre de peaxe.

A conectividade tamén pasou polas conexións ferroviarias a petición do alcalde vigués apoiado por Fernández Lores de acadar a cualificación de trens de proximidade.

A primeira acción conxunta que xa teñen confirmada é a celebración en 2018 do Campionato de España de Balonmán de Comunidades Autónomas e en 2019 a do Campionato Mundial Junior, competicións que poden traer entre deportistas, técnicos e familiares a entre 4.000 e 5.000 persoas.

Ambos alcaldes coincidiron en que queda moito camiño e que tratarán nun futuro outras vías de colaboración en materia turística ou cultural.

O alcalde de Pontevedra devolverá a visita institucional a Vigo proximamente.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/04abril/20/reunion_lores_caballero.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/04abril/20/reunion_lores_caballero.mp4{/flowplayer}