PONTEVEDRA> O conselleiro de Cultura reuniuse esta mañá coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago para comezar a traballar na planificación do Xacobeo 21. A administración autonómica propuxo na xuntanza a creación dunha mesa de traballo conxunta para a organización do vindeiro Ano Santo.
No día en que se cumpren os 25 anos da declaración do Camiño de Santiago como Patrimonio da Humanidade, a administración autonómica quixo abrir unha nova vía de participación de cara á organización do vindeiro Ano Santo. A Xunta contará cas agrupacións de amigos do camiño para que acheguen o seu coñecemento na planificación do Xacobeo que se celebrará no 2021.
Á xuntanza de hoxe asistiron representantes de máis dunha ducia de colectivos vinculados ó Camiño de Santiago nos seus diferentes traxectos, co fin de abordar cuestións de loxística ou seguridade viaria.
Previamente acudiron á igrexa da Peregrina, templo referente do Camiño portugués, onde realizaron unha ofrenda floral.