A unión das escolas de surf fai asequible o pago do canon a Costas

    PORTO DO SON> As catro escolas de surf de Porto do Son decidiron unirse nunha única entidade para poder asumir as cotas esixidas por Costas para o uso das praias. Finalmente tan só terán que aboar o canon de douscentos euros durante os meses de xullo e agosto, e non por todo un semestre como pretendía o organismo dependente de Medio Ambiente. Inicialmente, Costas esixía o pago de douscentos euros mensuais polo uso de cada praia durante seis meses por cada escola de surf. Unha contía practicamente inasumible por estas entidades que acudiron ó concello de Porto do Son solicitando a mediación ante Costas para conseguir unha rebaixa. Finalmente, o departamento dependente do Ministerio de Medio Ambiente cedeu parcialmente, autorizando que as solicitudes se realizan por dous meses en lugar de medio ano e por zona en lugar de por praia. Ó cambio da normativa por parte de Costas únese ó feito de que as catro academias que existen actualmente no municipio se unisen nunha soa asociación facendo moito máis asumible a xestión e pago das cotas. Paralelamente, o concello traballa xa na elaboración dunha ordenanza para regular o uso das praias entre as distintas escolas favorecendo así unha mellor organización do sector.