O executivo boirense acomete diversas obras de mantemento no mercado municipal

BOIRO> O executivo boirense desenvolveu estes días diversas obras de mellora no edificio do mercado municipal. Os traballos incluiron a substitución das reixas dos desaugues do chan, que eran metálicas e estaban moi deterioradas, e tamén o cambio das luminarias existentes a unhas de tipoloxía led, que melloren a nitidez e contribúan a un maior aforro enerxético.

Trátase de pequenas actuacións de mantemento das instalacións que teñen coma principal finalidade a posta en valor do mercado municipal co obxectivo de mellorar o servizo e as condicións tanto para os praceiros como para as persoas que acoden habitualmente a este recinto a realizar as súas compras. Neste sentido está previsto que nas vindeiras semanas se proceda á instalación dunha imprimación no chan cunha capa antideslizante para evitar caídas producidas polo desgaste do piso actual.

Nese plan de mellora do mercado, inclúese tamén a creación de novo da figura de responsable do mercado, co obxectivo de coordinar e realizar o mantemento do mesmo, así como servir de enlace entre os praceiros e o Concello.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí