O ex patrón maior de Cambados declárase inocente de fraude de subvencións

PONTEVEDRA> O ex patrón maior de Cambados e os dous responsables do estaleiro Polináutica negan ante a xuíza a fraude na confraría da que están acusados. A Xunta de Galicia sinálaos como responsables dun engano á Consellería do Mar aumentando o valor dun barco beneficiado cunha subvención en máis de 60.000€.

 

O ex patrón maior da confraría de pescadores de Cambados, Benito González, e os administradores do estaleiro Polináutica sentaban esta mañá no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Pontevedra por un suposto delito de fraude de subvencións. 

Os feitos producíronse no ano 2009, cando xustificaron o valor da embarcación Tragove, que se construíu con cargo a unha subvención da Consellería do Mar, en máis de 290.000 euros cando un peritaxe xudicial posterior a deixaba nuns 230.000. Máis de 60.000 euros de diferenza.

O ex patrón maior da confraría escudouse na súa ignorancia acerca dos trámites que realizaba a confraría e sinalou á secretaria, o contable e a unha xestoría como responsables dos mesmos, asegurando que el só firmaba os papeis.

O ex patrón afirmou que se escolleu ese estaleiro entre as tres opción porque o barco que pretendían facer tiña características especiais e que non recibíu advertencias sobre o prezo do barco ata despois de rematado. Acerca dos peritos que se escolleron sinalou ao avogado como o responsable da súa elección e asegurou que nunca se reuníu coa enxeñeira naval responsable da valoración do barco.

A acusación particular, que exerce a Xunta de Galicia, tamén sentou no banco dos acusados aos dous socios dos estaleiros Polináutica encargados da construción do barco. O primeiro deles en declarar, Fernando Otero, reiterou que non tivo ningún tipo de intervención no proxecto salvo a construción do mesmo, momento no que tivo que ser chamado a atención pola xuíza instrutora.

Otero remitiu todas as responsabilidades ao seu socio e a oficinista que está no estaleiro. Foi José Luís Núñez quen insistiu na xustificación do prezo do barco debido as características especias do mesmo como o dobre reforzo ou a inclusión dun guindastre, ademais da garantía e mantemento do mesmo durante 12 anos.

Fronte ás peritaxes oficiais que sinalan que o barco foi sobrevalorado e que isto afectou á subvención recibida, un perito independente achegado pola defensa explicou que nos cálculos débese ter en conta as garantías ofrecidas polo estaleiro que encarecen o prezo e que son dificilmente cuantificables.

Os administradores do mesmo lamentaban hoxe que con esta construción perderon diñeiro xa que un dos moldes que se realizou expresamente para o barco Tragove non se volveu a empregar.

A fiscal do caso decidiu non acusalos e non fixo preguntas durante o xuízo, a acusación particular pide para eles tres anos de prisión.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/05maio/03/xuizo_expatron_cambados_600px.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/05maio/03/xuizo_expatron_cambados.mp4{/flowplayer}