PONTEVEDRA> Xa están en Galicia varios axentes da unidade a cabalo da Policía Nacional. Durante o verán percorrerán o territorio de Pontevedra con dúas funcións: colaborar, por unha banda, nas tarefas de prevención de incendios forestais e pola outra, garantir a seguridade dos peregrinos no Camiño de Santiago. Hoxe foron presentados na ponte do Burgo, na capital pontevedresa.
A unidade de cabalaría da Policía Nacional xa patrulla os montes pontevedreses. Dende o ano 2013, efectivos deste corpo colaboran durante o verán nas tarefas de prevención dos lumes fortestais e na vixilancia do Camiño de Santiago.
Este ano son seis os axentes destinados a Galicia. Estarán na zona ata o mes de setembro, no marco do programa de turismo seguro.
Hubara, Leocadio, Rendal, Heredia, Falce e Linette son os seis cabalos que forman parte deste escuadrón. Animais perfectamente preparados para asumir a tarefa que terán que asumir estes meses.
A unidade presentouse esta mañá en Pontevedra, no entorno da Ponte do Burgo. Unha estampa que xerou gran curiosidade entre os veciños.