O colectivo ‘O Fogar das Mulleres’ insta ó concello de Boiro a atender as súas demandas no 8M

BOIRO> A pesar da ampla afluencia de público, o acto do 8M en Boiro non contou coa asistencia dos membros da oposición posto que, segundo denunciaron, non foron convidados. Tampouco o fixeron as mulleres vítimas de violencia que en xaneiro denunciaron a falla de atención por parte do Centro de Información á Muller.

Non asistiron ós actos institucionais pero as mulleres do grupo de autocoidado ‘O Fogar das Mulleres’ quixeron facer visible a súa situación nesta data tan sinalada.

Coa colocación dunha pancarta ó carón da casa consistorial denunciaron a falla de interese do concello que, din, segue sen cederlles un local e atender ás súas peticións despois de que denunciaran trato vexatorio por parte dunha traballadora do CIM.

Na actualidade, as máis de 20 integrantes deste colectivo vense obrigadas a acudir ó CIM de Ribeira posto que as trabas impostas no de Boiro lles dificulta a realización de calquera trámite.

Insisten en que o trato recibido por parte do concello boirense incrementa aínda máis a situación de vulnerabilidade na que xa están pola súa condición de vítimas de violencia de xénero.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí