Boiro acollerá o un de marzo a I Andaina Solidaria Agadea Alzheimer

BOIRO> Esta mañá presentábase en Boiro a primeira edición da Andaina Solidaria ‘Por Boiro, polo alzheimer’. A actividade terá lugar o próximo un de marzo. Está organizada polas asociacións Agadea e Arousa NeO, e conta coa colaboración do concello de Boiro e  a Obra Social La Caixa.

‘Por Boiro, polo alzheimer’. Este é o lema da primeira andaina solidaria organizada polas asociacións Agadea e Arousa NeO que se celebrará o próximo 1 de marzo. A través dela queren visibilizar unha doenza cada vez máis común e que afecta a máis persoas, dando a coñecer ademais o traballo que desenvolve Agadea na localidade, co servizo de estimulación terapéutica do que se benefician unhas doce familias.

A proba arrancará ás dez e media da mañá, con saída dende a praza do Concello. Terá unha distancia duns cinco quilómetros, de dificultade baixa. Como particularidade é que a andaina contará con varias representacións ó longo do percorrido coas que se pretende concienciar sobre a enfermidade

O límite de prazas está fixado nas 150. Unha cifra que a organización agarda completar sen dificultade, aínda que o prazo de inscrición estará aberto ata o 27 de febreiro a través da paxina web www.agadea.org.

A actividade conta coa colaboración do Concello e a Obra Social La Caixa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí