Emotiva homenaxe ó Club de Remo Rianxo

RIANXO> A corporación municipal recibiu no Concello ós membros da tripulación infantil Campións Galegos e Campións de España de bateis. O salón de plenos do concello de Rianxo converteuse nun improvisado lugar de celebracións. O motivo non era para menos, a recepción oficial que a corporación municipal lle tributou ó Club de Remo Rianxo tralos recentes éxitos logrados a nivel autonómico e nacional onde acapararon especial protagonismo os membros da embarcación infantil que se prolongaron Campións Galegos e tamén Campións de España de bateis. No acto tomaron parte ademais da práctica totalidade dos membros da corporación, familiares, compañeiros, amigos e directivos e adestradores do Club. Na rolda de intervencións, o alcalde, Adolfo Muíños, mostrou a súa ledicia por estes últimos resultados que puxeron no máis alto ó remo rianxeiro. Aínda así e máis alá dos éxitos, o rexedor destacou tamén o esforzo e o traballo diario de todos eles. Pola súa banda, dende o Club de Remo Rianxo agradeceuse ó concello a recepción tributada, destacando tamén o apoio que reciben das empresas e entidades colaboradoras que fan posible a subsistencia do Club. O acto rematou coa entrega por parte do alcalde a un dos representantes do Club de Remo Rianxo dun cadro con diversas instantáneas que recollen precisamente estes últimos logros conseguidos, que pasará de seguro a formar parte xa das vitrinas e da historia do Club.